Wednesday 15 de May de 2024

A “Noite en Branco da Magariños” ofrecerá mañá venres cinco concertos gratuítos en cinco enclaves de Brión


Participarán o alumnado da Escola Municipal de Música Magariños e a Banda de Música Municipal de Brión

A “Noite en Branco da Magariños” ofrecerá mañá venres 19 de maio, entre as 22:00 e as 0:00 horas, cinco concertos en outros tantos edificios públicos de Brión. Cinco concertos totalmente gratuítos e abertos á cidadanía. Un espectáculo no que participará o alumnado da Escola Municipal de Música Magariños de Brión, que este ano contarán coa Banda de Música Municipal de Brión como artistas convidados.

A “Noite en Branco” inclúe actuacións duns vinte minutos nos que se interpretan pezas clásicas e modernas, que van acelerando o seu ritmo segundo vai avanzando a noite e se vai cambiado de escenario, todos eles na contorna de Pedrouzos e coa Carballeira de Santa Minia como eixo central. Así, os concertos comezarán ás 22:00 horas na Aula 2 da ESMU Magariños co concerto “Lento”; seguido ás 22:30 horas polo concerto “Adagio” na Biblioteca Municipal de Brión.

Ás 23:00 horas chegará o concerto “Moderato”, que terá lugar na sala de exposicións da Casa da Cultura, dende onde se trasladarán ata o salón de plenos do Concello de Brión, onde ás 23:30 horas se celebrará o concerto “Allegro”. A “Noite en Branco da Magariños” pecharase ás 0:00 horas co concerto “Presstisimo”, o único que terá lugar fora da contorna da Carballeira de Santa Minia, pois será no auditorio do Centro Social Polivalente.

A “Noite en Branco da Magariños” está organizada pola Escola Municipal de Música Magariños de Brión, coa colaboración do Concello de Brión, a Deputación da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A entrada a calquera destes cinco concertos é totalmente libre e de balde.